A HISTORIA NUNHA ESCALEIRA

OUTRO EXEMPLO DE METODOLOXÍA INCLUSIVA

(Profesora: Mª Angeles Salgado Iglesias)

Esta é a explicación da profesora Mª Ángeles sobre esta actividade en  PMAR:

"Karl Ploetz (1819-1881), erudito alemán, foi o primeiro en usar cronoloxías para o estudo e o ensino da historia mundial. Outros eruditos seguiron o exemplo de Ploetz, en especial o físico alemán Werner Stein (1913-1993), que empregou liñas cronolóxicas sincronizadas para amosar a evolución de diferentes ámbitos da actividade humana (política, relixión, literatura, ciencia e tecnoloxía, etcétera). A chegada da tecnoloxía dixital abriu novas posibilidades na ilustración das liñas cronolóxicas da historia mediante manoscritos, libros, mapas, fotografías e outros documentos que funcionan como fontes primarias. Nós, desde o ámbito sociolingüístico de 2º de PMAR, tratamos de aproveitar este xeito de traballar que combina diferentes disciplinas e diversos tipos de fontes (visual, escrita, sonora) para elaborar unha liña de tempo nun soporte tradicional (papel) pero cun marcado elemento visual. Consultamos enciclopedias en papel e dixitais, compendios históricos  en cómic, cancións, documentais e arquivos de gravacións sonoras para resumir os acontecementos máis relevantes das diferentes idades da Historia, e presentámolos de xeito que calquera espectador poida entender rapidamente a proporcionalidade dos diferentes periodos e os feitos salientables correspondentes. O traballo de documentación foi o máis laborioso. Tivemos que invertir todas as sesións de clase durante case dous meses para chegar á selección final de acontecementos. Logo, escollemos unha tipografía manual para a realización da cartelería e colocámola no mural seguindo as referencias temporais. O resultado é o que se pode ver nas escaleiras do noso centro: as idades da Historia non nun click, pero si nun “chiscar de ollo”."

Comentarios

Entradas populares de este blog

DEPORTE E DIVERSIDADE FUNCIONAL

ANTOLOXÍA DE PICTOPOEMAS

PROXECTA "DONAS DE SÍ": MURAIS NAS PORTAS DAS AULAS